Bella Muerte

Fechas: 
1 Outubro 2016 - 27 Novembro 2016

Baixo o título de Bella Muerte, a ilustradora e debuxante de cómics Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976) presenta un conxunto de 72 obras orixinais pertencentes á primeira e segunda parte, esta última inédita en España, de Bella Muerte e I.D, o seu último traballo persoal. Bella Muerte é un western de corte clásico que evoluciona ata transformarse nalgo completamente novo, onde o inesperado se converte en cotián. A primeira entrega de Bella Muerte foi nominada a varios premios Eisner en 2014: Sue DeConnick como mellor guionista, Emma Ríos por mejor lápis e entintado e mellor portada e Jordie Bellaire na categoría de mellor cor. A historia inspírase nos cantares de cego, romances de tradición oral que, acompañados por ilustracións en pregos de cordel, se populizarían en España entre os séculos XVII e XIX, un formato que Emma Ríos da a coñecer á guionista de Bella Muerte, Sue DeConnick, dando forma ambas creadoras a un relato escuro e poético de amor e vinganza no que dous mendigos contan as súa vivencias nunha pequena cidade do Oeste. 
 
Emma Ríos é unha autora que se forma a medio camiño entre a arquitectura e a autoedición, ata que consegue dedicarse profesionalmente á historieta en 2007. Fixo traballos para varias editoriais americanas como Boom! Studios, tras o que non tardaron en chegarlle os primeiros encargos en Marvel (tres miniseries e dous one-shots ), así como colaboracións puntuais en Amazing Spider-man . Volve ao cómic de autor en 2013 da man de Image Comics, e en 2014 é nominada aos premios Will Eisner por Bella Muerte. Actualmente coedita a revista Island con Brandon Graham e traballa na miniserie de ciencia ficción Mirror coa artista malaia Hwei Lim, e en Bella Muerte con Kelly Sue DeConnick, unha obra para a que Ríos se empapou de clásicos do western e do cine xaponés a través da estética de autores como Sergio Leone ou Masaki Kobayashi coa fin de plasmar visualmente o ton visceral e poético do guión. 
 
Nesta exposición, organizada por FKM Festival de Cinema Fantástico da Coruña, que este ano celebra a súa oitava edición, os espectadores poderán disfrutar ademais dunha espectacultar intervención realizada pola artista nos muros da sala de exposicións, unha obra de gran formato que, ao igual que o resto da mostra, poderá visitarse ata o vindeiro 27 de novembro.