Carlos Maciá. A necesidade da cor

Carlos Maciá. A necesidade da cor. Vista da exposición
Fechas: 
29 Xuño 2017 - 1 Outubro 2017
Comisario: 
Ángel Calvo Ulloa

Provinte do eido da pintura, o traballo de Carlos Maciá (Lugo, 1977) pasa en ocasións a desenvolverse sobre o espazo de intervención, superando así o soporte bidimensional e establecendo un diálogo coa arquitectura que envolve ao espectador.
 
O proxecto de Carlos Maciá para a Fundación Luis Seoane parte do interese polas intervencións específicas que nos últimos anos conviviron coa obra estritamente pictórica. Interesado pola actividade da pichaçao que dende hai décadas se practica nas rúas de São Paulo, Maciá presentou alí, no verán de 2015, o proxecto Cidade Cinza, tomando como punto de partida o profundo impacto que ten sobre a cidade e a poboación esa práctica e que entronca co carácter propagandístico que a pintura mural pretende históricamente. Coñecedor entón da importancia do muralismo dentro da obra de Luis Seoane, Carlos Maciá xera unha gran intervención no vestíbulo da Fundación que reforza o seu interese pola acción sobre a propia arquitectura e que neste caso incide e remarca algunhas das decisións dos arquitectos Creus e Carrasco para este edificio. 
 
De xeito paralelo, Maciá instala unha serie de traballos creados ex profeso que pechan a súa serie Markers, iniciada en 2011 e, pensada estritamente dende o lugar da pintura, avoga por sacala do plano ata acadar uns volumes propios da escultura. O traballo sobre materiais de aplicación industrial que Maciá ven desenvolvendo dende os seus inicios bate co interese non pola limpeza das formas e a uniformidade dos planos de cor, senón pola necesidade de evidenciar os rastros do xesto e as imperfeccións propias da man humana.  
 
Con esta mostra, Carlos Maciá volta á súa cidade despois de anos de ausencia, defendendo unha das carreiras máis sólidas do panorama artístico estatal.