Kiko Pérez. German Haircut

| Image 1 of 5 |
Kiko Pérez. German Haircut. Fotografía: Carlos Álvarez
Fechas: 
29 Xuño 2017 - 1 Outubro 2017
Comisario: 
Ángel Calvo Ulloa

Kiko Pérez (Vigo, 1982) é un artista plástico establecido en Madrid e formado a medio camiño entre os contextos galego e vasco. Lonxe de adscricións disciplinarias, o seu traballo percorre formalmente un camiño baseado na honestidade dun proceso aberto, que evidencia dalgún xeito de onde procede e aporta pistas acerca cara onde vai. Pintor entre escultores e viceversa, o interese polos planos de cor e polas formas flutúa entre o xeométrico e o orgánico, sen reivindicacións, pero dando especial importancia á liña e á superposición de planos. Estes conceptos son cruciais á hora de entender o seu proceso, convertendo cada obra nunha sorte de bosquexo que inicialmente se configura dunha maneira provisional para adquirir finalmente unha autonomía plena.
 
German Haircut supón a súa primeira mostra individual dentro de unha institución e preséntase coma un proceso de traballo baseado inicialmente na produción pictórica e escultórica máis recente. Así mesmo, contempla a evolución do seu traballo inserindo unha serie de obras anteriores que buscan correspondencias compositivas e evidencian ese proceso aberto que se manifesta cando percorremos o espazo. German Haircut é tamén unha proposta que tende a man ao convite de traballar coa figura de Luis Seoane. Kiko Pérez establece ese aceno especialmente cos traballos comprendidos dentro do destacado labor de Seoane coma deseñador editorial e publicitario, definidos por un carácter máis sintético e impersoal, con obxectivos marcados dende o plano compositivo. Non obstante, a exposición non deixa tras de si non unha homenaxe illada, senón unha especial atención aos procesos de Seoane, a detalles sutís que chegan a perderse dentro das composicións de Kiko Pérez e posibilitan unha sorte de complicidade entre as solucións de ambos. Quizais a parte máis interesante desta revisión sexa que os seus procesos partían previamente de puntos en común e estes, máis que centrarse unicamente en traballos concretos, planean sobre o traballo de Pérez dun xeito leve e preciso, pero non evidente.
 
Situado entre os artistas máis destacados da súa xeración, o pensamento ao redor da súa práctica aporta indicios desa aprendizaxe continua e deixa reflexións que nos achegan a un creador instalado nun espazo nada cómodo.  
 
NotadePrensa.pdf