Luis Seoane. Retrato de esguello

Luis Seoane: O meco, 1963. Colección Museo de Belas Artes da Coruña
Fechas: 
11 Maio 2016 - 2 Outubro 2016
Lugar: 
Salas de exposicións do primeiro andar
Comisario: 
David Barro

Luis Seoane é, para moitos, a personalidade máis relevante da cultura galega no século XX, polo menos no ámbito do artístico e creativo. O obxectivo principal desta exposicion, realizada pola Fundación Luis Seoane en colaboración co MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo, é amosar a voz de Luis Seoane nas súas múltiples facetas: creador complexo e diverso, de vocación universal, intelectual comprometido, pintor, debuxante, gravador, muralista, deseñador gráfico e industrial, escenógrafo teatral, poeta, narrador, guionista, ensaísta, comunicador en prensa escrita e radiofónica, crítico e teórico das artes, a súa traxectoria sitúao como a personalidade máis poliédrica da cultura galega do século XX. A mostra proxecta a expresividade da cor da súa pintura e dos seus tapices, a súa extraordinaria sensibilidade para o debuxo, e a súa capacidade e dominio das técnicas do gravado ou da pintura mural, da que se incluen bosquexos e documentos gráficos, así como o seu inxente labor editorial como impulsor de coleccións ou diagramador de revistas, como ilustrador e deseñador de cubertas e como editor, onde xugou un papel no desenvolvemento do libro na Arxentina, sempre coa cultural galega como pano de fondo.  
 
Luis Seoane. Retrato de esguello é un estudo pormenorizado de todo o seu legado en relación co contexto internacional da arte ata os nosos días. A exposición, que se concibe como un diálogo coa sala permanente de Luis Seoane e coa mostra que, na planta baixa, indaga na relación do artista con Carlos Maside, abrangue os seus máis de cincuenta anos de traxectoria artística a través de máis de 200 obras entre pinturas, debuxos, gravados, augadas, tapices, carteis publicitarios, bosquexos murais, deseños cerámicos e publicacións, un auténtico acontecemento cultural que forma parte da celebración do vinte aniversario da creación da Fundación Luis Seoane (1996-2016).