Proxectos seleccionados INPUT 2018

Fechas: 
31 Maio 2018 - 1 Xuño 2018
Coordinación: 
Gonzalo E. Veloso

Alégranos facer públicos os tres proxectos seleccionados para participar en INPUT 2018. Esta selección realizouse entre 27 proxectos, algúns deles de grande interés e calidade. As directoras dos proxectos seleccionados disporán de dúas xornadas durante as que poderán contar co asesoramento de profesionais de prestixo internacional para facer medrar os seus filmes.
 
RESERVA, de Gerard Ortín
A destrución ou a fraxilidade da orde natural debidas á actividade humana son algúns dos temas aos que se aproxima Ortín a través de filmes, instalacións sonoras e walk-performances. A súa obra tense visto en centros de arte como a Fundación Joan Miró (Barcelona), Tabakalera (Donostia), Stedelijk Museum Bureau of Amsterdam ou Office for Contemporary Art (Oslo), así como en festivais como o de Gijón ou o D’A Film Festival. En ​
 
Reserva ​ explora a drástica redución da poboación de lobos que se ten producido en Álava nas últimas décadas e as implicacións da súa ausencia. O proxecto parte dun material audiovisual que formou parte dunha instalación multicanal exposta na Fundación Miró de Barcelona.
 
LEJOSCERCA, de María Abenia
María Abenia é realizadora, docente e programadora. Actualmente encóntrase dando clases de Cinema e Linguaxe Audiovisual para fotógrafos na escola Grisart de Barcelona, realizando un fotolibro do seu proxecto fotográfico Ulises ​e no proceso de escritura da súa primeira longametraxe, ​LejosCerca. 
 
LejosCerca ​ é un proxecto no que Abenia propón ao espectador realizar unha viaxe trascendental, unha absurda, férrea e comprometida peregrinaxe guiada so pola intuición da súa protagonista e pola promesa dunha suposta «Montaña Sagrada».
 
REUNIÓN, de Ilán Serruya
Ilán Serruya especializouse en montaxe cinematográfica (Instituto de cine de Madrid) e en Belas Artes (Universidad Complutense de Madrid). Actualmente cursa o “Máster LAV: Laboratorio audiovisual de creación y práctica contemporánea”. Interesado na autobiografía, na súa obra recurre ao material de arquivo doméstico. 
 
Reunión é o encontro entre un pai e un fillo. Un momento marcado pola paisaxe, a distancia e o silencio. Este encontro caracterízase pola ausencia de palabras, polos xestos cotidianos, polas diferentes posturas corporais, pola expresión das súas facianas e polas escasas frases que articulan un intento por retomar o que parece un diálogo imposible.