O proceso de construcción da sede da Fundación Luis Seoane comezou no ano 2000, a través dun concurso público que solicitaba un proxecto para a remodelación do antigo Cuartel de Macanaz, situado no casco histórico da Coruña, e do seu contorno. O edificio orixinal databa de 1703, e sufrira múltiples transformacións, non sendo unha construcción de especial interés patrimonial, aínda que conservaba un fermoso Patio de Armas con lousas de granito e columnas do mesmo material. O 29 de maio de 200, adxudicaríase finalmente o concurso ao estudo dos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco.

O patio foi o elemento a partir do que se organizaron o resto dos espazos, tanto interiores como exteriores, a través de aberturas e transparencias. Grazas a éstas o patio esténdese cara as rúas, a muralla e o parque, facendo que a planta baixa  do edificio permita múltiples visións, percorridos e referencias que integran definitivamente este espazo na trama da cidade histórica e lle confiren un valor de acollida que xamais tivera como cuartel.

O espazo entre a igrexa e o cuartel atopábase cegado por múltiples construccións auxiliares, por isto Creus & Carrasco tomaron a decisión de recuperalo coma un novo espazo público que serve de acceso principal ao edificio e como conexións para os paseantes ocasionais cos xardíns da Maestranza, seguindo o percorrido da muralla.

É aquí onde se construiu unha fachada nova, con pedra e vidro, que define o vestíbulo de acollida e que coa súa transparencia permite intuir o patio desde o exterior. É un gran hórreo feito cunha doble pel de longas pezas de granito de 240 cm. de lonxitude e 14 cm. de espesor que vanse apoiando noutras máis pequenas en forma de U de 33 cm. de ancho que abrazan unha estructura metálica que soporta o pano cego do segundo andar. 

A elección do granito para a fachada do edificio non é casual: sérvelle como punto de integración no contorno, xa que a maior parte dos edificios do Casco Histórico empregan este material. No interior da Fundación, a pedra segue presente nos espazos de acollida (vestíbulo, recepción), pero, unha vez franqueada a zona de entrada, a madeira xurde como elemento que destaca sobre o fondo branco das salas de exposición. Escaleiras, pavimento e mobiliario son de madeira, e transformaránse en formigón pulido na zona do soto, destinado a instalacións e zona de almacenamento.

Na planta baixa do centro atópanse algunhas das salas de exposicións temporais, a ambos lados do patio: a de maior superficie pode vislumbrase a través dos cristais da fachada e concebiuse, dada a súa estructura clásica, para dar cabida a todo tipo de manifestacións artísticas, ao que contribue a súa apertura cara á cristaleira e o vestíbulo, mentres que a outra, de menor superficie, destinase a proxectos específicos.

A través do vestíbulo accedemos, grazas a unha escaleira de madeira, ás salas do primeiro andar. Esta escaleira deixa paso a que é a sala máis grande do edificio, na que destaca como elemento arquitectónico principal un lucernario orientado ao norte, que lle permitirá ao espectador sentir a presenza da luz natural, elemento básico que se estende ao longo da galería que se sitúa por enriba do patio da planta baixa. Paralelamente á galería ubícase outra sala, de dimensións máis reducidas, que pode interactuar coa sala principal.  Á dereita da galería, a través dunha apertura ao fondo da mesma, atopamos a terceira sala deste primeiro andar, custodiada por un mar de mármore, elemento básico das vitrinas de exposición adosadas aos muros e presentes no centro deste espazo.

O segundo andar acolle a zona de persoal e oficinas, además da biblioteca e centro de documentación e unha pequena sala multiusos. A biblioteca recibe a luz tamizada grazas a unha gran parede de cristal ao ácido que ábrese por enriba da galería da primeira planta e o patio: na súa parte final, destinada a arquivo documental, uns lucernarios alongados orientados ao norte iluminan a estancia.