Cómo se imprime un libro. Programa educativo

Fechas: 
17 Novembro 2017 - 15 Abril 2018

TRICOMÍAS DELIRANTES.
Educación Infantil. Máximo recomendado de participantes: 30
A tricomía é a técnica para a reprodución de imaxes en cor mediante o uso de pequenos círculos das tres cores primarias da combinación sustractiva, cyan, maxenta e amarelo (CMY). Da mestura destas 3 cores pódense obter todas as demais, unha técnica, xunto á cuatricomía (CMYK) que engade o negro, moi usada na reprodución de libros ilustrados.
 
A proposta educativa Tricomías Delirantes comeza cunha visita á obra de Luis Seoane na que os pequenos coñecerán o seu universo creativo, as súas composicións, as formas e cores que aparecen nas súas obras, para, posteriormente, desenvolver a súa propia creatividade a través da elaboración dun gran libro mural sobre paneis de cristal nos que ‘pintarán’ mediante a superposición de recortes, utilizando as cores primarias que se multiplicarán ao mesturarse, facendo xurdir formas novas e as demais cores do Arco da Vella, ilustrando a través de esta técnica as súas propias historias. Ao rematar, cada equipo explicará aos demais a súa creación. 
 
TESTAS TOLAIS
Educación Primaria. Máximo recomendado de 30 participantes
A actividade Testas Tolais inspírase tanto na obra de Luís Seoane como na exposición Como se imprime un libro. A visita a esta última estará centrada no traballo de Grete Stern e Horacio Coppola, que crearon multitude de fotolibros nos que se combinan fotografía e  fotomontaxe, e cuxa obra Huacos está incluida na mostra. Os Huacos son unha especie de vasillas rituais andinas nas que se mesturan figuras humanas, animais, utensilios de traballo, froitos, etc. en escalas desiguais. Na exposición seleccionáronse unha serie pezas das culturas precolombinas dos chimú e os chancay con forma de cabeza ás que se lles engadiron distintas formas: biquelas, asas, abelorios, etc. O resultado é un obxecto decorado cunha serie de elementos a modo de collage. 
 
Baseándose na idea dos Huacos, a actividade proporá aos participantes que realicen a súas propias obras, coma nun collage tridimensional, partindo dunha serie de cabezas volumétricas sen trazos sobre as que se crearán rostros engadindo pezas de plástico de diferentes tipos, formas e cores mediante o emprego de plastilina. 
 
ENSALADAS TIPOGRÁFICAS.
ESO e Bacharelato. Máximo recomendado de participantes: 25
‘Ensalada tipográfica’ é unha expresión despectiva que usan os deseñadores para referirse ás composicións gráficas que mesturan diferentes tipografías e tamaños nunha mesma páxina. Curiosamente, o seu uso estendeuse a diferentes eidos grazas ao seu carácter popular, á súa procura do contraste e á súa exuberancia. Na exposición ‘Como se imprime un libro’ incluense varios exemplos da súa utilización de maneira creativa e lúdica, características que se trasladarán á esta proposta educativa para escolares de ESO e Bacharelato, na que se incidirá na idea do libro como artefacto artístico, así como no carácter funcional do seu deseño, que sempre se basea no seu contido. A actividade educativa para escolares de ESO e Bacharelato parte da idea do libro como obxecto de deseño coidado e funcional, acorde sempre ao seu contido, coa fin de que os participantes elaboren a súa ‘máquina perfecta para ler’, o seu propio libro. 
 
NARRATIVAS PLÁSTICAS. Diversidade funcional. Máximo recomendado de 25 participantes
A proposta educativa Narrativas Plásticas comeza cunha visita á obra de Luis Seoane na que os pequenos coñecerán o seu universo creativo, as súas composicións, as formas e cores que aparecen nas súas obras, para, posteriormente, desenvolver a súa propia creatividade a través da elaboración dun gran libro mural sobre paneis de cristal nos que ‘pintarán’ mediante a superposición de recortes, utilizando as cores primarias que se multiplicarán ao mesturarse, facendo xurdir formas novas e as demais cores do Arco da Vella, ilustrando a través de esta técnica as súas propias historias. Ao rematar, cada equipo explicará aos demais a súa creación. 
 
RELATORIO: TIPOGRAFÍA E VANGARDA. Ciclos formativos, adultos. Máximo recomendado de 60 participantes
A través dunha coidada selección de imaxes, analizarse o uso da tipografía como elemento protagonista do deseño. A finais do século XIX e comezos do XX prodúcese unha reconsideración do signo tipográfico, dentro das novas ideas que propuñan as distintas vangardas artísticas. Co Futurismo, a letra libérase da aliñación clásica adoptando formas concretas figurativas, como por exemplo en Alicia en el País de las Maravillas de Lewis Carroll (1865), na que se ensaia o uso da tipografía como forma simbólica do contido. Mallarmé en 1897 e Apollinaire en 1914 farán o propio cos seus ideogramas líricos e caligramas. Dadá introducirá o absurdo e deseñará revistas cos collages tipográficos de Kurt Schwitters. Cassandre, Jean Carlu e Charles Loupot trasladarán os achados das vangardas ao cartelismo publicitario. Os soviéticos Alex Rodchenko e Maiakovski, Prusakov, Borisov, Naúmov, Semiónov ou os irmáns Stenberg explorarán as posibilidades plásticas da letra. Un percorrido protagonizado pola tipografía desde a Bauhaus, El Lissitzski, Lazslo Moholy-Nagy ou Herbert Bayer, Jan Tschihold, a escola suíza, etc., ata chegar ao deseño máis actual. 
 
RELATORIO: FOTOGRAFÍA E FOTOMONTAXE. Ciclos formativos, adultos. Máximo recomendado de participantes: 60
As primeiras fotomontaxes de George Grosz, Raoul Hausmann, Hanna Höch, John Heartfeld, Gustav Klucis ou Rodchenko servirán como introdución ao uso persuasivo da fotografía no deseño. No texto Ilustración e fotomontaxe (1924) de Gustav Klucis, considerado o primeiro teórico da fotomontaxe, o autor concede á fotografía maior poder de persuasión que calquera representación gráfica, pola súa capacidade para “reter con exactitude os feitos visibles”. Se ademais recombinamos distintas fotografías mediante a técnica do collage, reforzamos o impacto dramático e melloramos a transmisión do contido. Stepanova en 1928 definía a técnica como “ensamblaxe e combinación de elementos expresivos tomados de fotografías”. Coa posibilidade da transformación da fotografía mediante a fotomontaxe, a imaxe adquire unha capacidade de expresión, síntese e axitación épico- política que o neutro obxectivo fotográfico non pode rexistrar por si só no mundo real. A través da sorpresa e o asombro que produce a forma estimúlase a rápida retención do contido. En palabras de John Heartfeld, comprendendo as posibilidades de expresión e o potencial subversivo do medio, “se reúno documentación gráfica e confróntoa hábilmente e con intelixencia, o seu efecto axitador e propagandístico sobre as masas será inmenso”. Heartfeld, na Alemaña pre-nazi dos anos vinte, engade á fotomontaxe a condición de instrumento subversivo, co que “actuar mellor sobre as masas, máis e con maior intensidade”. O catalán Josep Renau fará o propio durante a Guerra Civil española. A evolución do cartelismo bélico e a propaganda ideolóxica, e o traballo de axitadores como Klaus Staeck, David Tartakover ou Oliverio Toscani pecharán a charla. 
 
Estas actividades son gratuítas. Para participar nelas, é necesario realizar reserva previa.